Ana Miranda: “Queremos que os barcos galegos sigan pescando en augas do Reino Unido con independencia da resolución do Brexit”

A eurodeputada do BNG salienta a importancia de que a Eurocámara dea estabilidade as actividades pesqueiras

Ana Miranda plenoEstrasburgo, 13 de marzo de 2019 A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defende que os barcos galegos sigan pescando en augas do Reino Unido con independencia da resolución do Brexit ao fío do debate e aprobación no Parlamento Europeo da “Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello sobre as autorizacións de pesca para os buques pesqueiros da Unión en augas do Reino Unido e as operacións de pesca dos buques pesqueiros do Reino Unido en augas da Unión”.

Para a eurodeputada galega resulta de gran importancia o acordo adoptado hoxe no que se respecte a estabilidade das actividades pesqueiras para capturar as cotas xa asignadas, posto que deste xeito “quedan eliminadas parte das preocupacións e incertidumes do nosos sector pesqueiro”.

Ana Miranda ten expresado en diversas iniciativas dirixidas á Comisión Europea sobre a preocupación do Bloque a respecto do impacto en Galiza da saída do Reino Unido da Unión Europea, tanto no que se refire á libre circulación das persoas, -que pode afectar a máis de 40.000 galegos e galegas-, como as súas consecuencias nos sectores produtivos galegos, como poden ser especialmente na pesca e o téxtil.