Ana Miranda reclama na Eurocámara o incremento do orzamento para o programa Erasmus para que chegue a todas as persoas sen recursos

A eurodeputada do BNG defendeu que o programa tamén se destine ao alumnado de FP

Ana Miranda Parlamento EuropeoEstrasburgo, 28 de marzo de 2019 A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, defendeu hoxe no Parlamento Europeo en nome do grupo parlamentar Verdes-ALE -no que está integrado o BNG- a ampliación do orzamento para o período 2021-2027 destinado ao programa Erasmus. Aínda que valorou positivamente a proposta da Comisión, salientou a necesidade de aumentar os seus fondos de forma que tamén poidan acceder os estudantes da Formación Profesional.

Para a eurodeputada nacionalista, o incremento permitirá realizar un programa máis inclusivo socialmente de cara ao estudantado galego con menos recursos económicos. Neste sentido fixo referencia a súa propia experiencia persoal, cando participou nun Erasmus no ano 1993 en Alemaña. “Unha estudante universitaria dunha Universidade galega que estuda e traballa para pagarse os seus estudos é difícil que teña a oportunidade de saír ao estranxeiro”, sinalou Miranda, quen destacou que ela mesma estivo nesa situación e que participar no Erasmus foi unha gran oportunidade.

Que persoas de menos recursos poidan acceder a programas deste tipo é un dos éxitos europeos que contribúen á relación e o intercambio entre Pobos” afirmou a eurodeputada do Bloque. Ao seu xuízo o aumento do orzamento evitará asemade que estudantes que participan no programa teñan que traballar debido a que “algúns Estados Membros non contribúen o suficiente” como foi o caso do Estado español cando quixo reducir a contribución na proposta do ministro Wert do Goberno Rajoy.