O BNG demanda á Eurocámara un plan para estudar e controlar os residuos radioactivos próximos ás costas galegas

Ana Miranda critica a irresponsabilidade do Estado español pola falta de iniciativas para coñecer a situación real dos bidóns depositados na Fosa Atlántica

Bruxelas, 7 de febreiro de 2019.- A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de presentar, novamente, unha pregunta dirixida á Comisión para a súa resposta escrita, sobre o estado dos residuos nucleares que se atopan fronte as costas galegas. Miranda traslada a súa preocupación pola inacción do Estado español para controlar as 140.000 toneladas de residuos nucleares depositados, entre 1949 e 1982, en 220.000 bidóns na Fosa Atlántica.

Resulta moi preocupante a irresponsabilidade na que incorre o Estado español, pois a Comisión manifesta que este Estado Membro non ten abordado especificamente ningún plan de control da radioactividade nesta zona”, explica a eurodeputada nacionalista. “Non é de recibo que o Estado español alegue que estes depósitos estean fóra das súas augas e non se preocupe polo seu estado”, subliña.

Para Ana Miranda é “inaceptable” a situación que se está producindo nesta materia: Por unha banda, a Comisión sinala que os Estados Membros son os responsables de controlar a radioactividade das súas augas, pero por outro lado o Estado español afirma que eses residuos están fóra das mesmas.

Sen datos

Por outro lado, a eurodeputada galega critica que a Comisión admita que non dispón información actualizada do estado dos bidóns. Precisamente a Comisión recoñece, en resposta a diferentes preguntas presentadas, que os últimos informes dos que dispón datan de 1990 e 2003 referidos as augas de Atlántico Norte. “Transcorridos tantos anos resulta preocupante que a Comisión recoñeza que non ten coñecemento de ningún programa en curso para inspeccionar o estado deste depósito radioactivo e admita que non existe actualización dos estudos sobre o seu impacto”, afirma.

A eurodeputada do Bloque lembra que en xuño do ano pasado xa se dirixiu á Comisión para instala a inspeccionar o estado destes residuos. “Dada a inacción das administracións vémonos na obriga de reiterar a necesidade de desenvolver un plan para coñecer o estado deses bidóns fronte as costas galegas”, salienta. Precisamente os últimos vertidos, datados en 1982, atópanse a 650 km de Galiza, polo que desde o BNG “consideramos que se estes vertidos non se controlan poden chegar a causar problemas medio ambientais nos ecosistemas mariños”, explica.