Ana Miranda participa na delegación oficial do Parlamento Europeo para Mercosur co obxectivo de potenciar as relacións coa Unión Europea

A eurodeputada do BNG mantén unha intensa axenda en Paraguai e Uruguai con diferentes axentes sociais e políticos

Ana Miranda Parlamento Europeo MercosurBruxelas, 31 de outubro de 2018.- A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa na delegación de Mercosur do Parlamento Europeo, feito que a leva a desenvolver unha intensa axenda en Paraguai e Uruguai para discutir o estado actual das negociacións do tratado entre Mercosur e a Unión Europea.

“Estas negociacións coa Unión Europea levan estancadas desde hai 24 anos, polo que é importante afondar no diálogo sobre as posibilidades da futura cooperación”, destaca a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, quen forma parte da delegación xunto a outros eurodeputados e eurodeputadas de distintas forzas políticas do Parlamento Europeo.

Durante a estancia en Uruguai Ana Miranda mantivo diferentes encontros, entre os que destaca o que desenvolveu coa vicepresidenta Lucía Topolansky, muller de gran traxectoria na loita antifascista, así como cos ministros de Pesca, Agricultura e Gandería, o de Exteriores e o de Economía.

Asemade a delegación foi recibida no Parlasur polos seus homólogos, e na que a eurodeputada do BNG participou nos debates sobre o acordo coa Unión Europea, os dereitos humanos e a migración.

As estreitas relacións que o BNG mantén co Frente Amplio de Uruguai van ter continuidade nunha vindeira visita dunha delegación do Bloque, que se fará efectiva nos próximos meses.

A partir de hoxe, a delegación para Mercosur, -que se define como un proceso de integración rexional constituído inicialmente por Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai- desenvolverá a súa axenda de traballo en Uruguai, onde están previstas xuntanzas con representantes de organizacións de defensa dos dereitos humanos e en especial na defensa dos dereitos das mulleres.