Ana Miranda urxe ao goberno central que cumpra a normativa comunitaria en seguridade ferroviaria

A CE informa á eurodeputada do BNG que o procedemento de infracción sigue aberto e que o goberno estatal pediu unha prórroga de dous meses

Bruxelas, 10 de abril de 2019 – A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, tras reunirse coa directora de Transporte ferroviario da Comisión Europea, Elisabeth Werner, e co xefe de gabinete da Comisaria de Transporte, reclama ao goberno estatal que cumpra a normativa comunitaria en seguridade ferroviaria tal e como lle pide a Comisión Europea. “A Comisión quere unha medida lexislativa de implementación da normativa de seguridade ferroviaria de control de riscos e un plan de acción que a poña en práctica”, salientou ao finalizar o encontro.

Esta é unha das reunións habituais que mantén a eurodeputada do Bloque como denunciante no procedemento de infracción do caso Alvia por incumprimento da normativa comunitaria de seguridade ferroviaria en materia de control de riscos. No encontro, a directora de Transporte comunicoulle a Miranda que a Comisión, despois de abrir o procedemento de infracción no mes de xaneiro de 2019, instou ao goberno español mediante carta para que dea resposta á falta de cumprimento de esta normativa, ao respecto do cal o goberno central pediu unha prórroga de dous meses.

“Nesta semana tiñamos que ter a información de se o goberno implementa unha lei, pero, debido ás eleccións o goberno estatal pediu unha prórroga até finais de maio”, explicou Ana Miranda ao respecto. “Deste xeito, o procedemento de infracción sigue aberto; o seguinte paso será unha razón motivada, pedindo un plan de acción verificado, e se o goberno saínte das eleccións non cumpre, a Comisión iría como terceiro paso ao Tribunal”, engadiu.

No tocante aos prazos deste proceso sinalou que aproximadamente será en setembro cando se saiba cal será o seguinte paso. “Eu non é que desexe que se chegue ao Tribunal, e que o vou esixir chegado o caso, como denunciante”, avanzou.

Inaccións dos gobernos

Para a eurodeputada do Bloque, que despois de seis anos do accidente de Angrois non se puxera en marcha ningunha medida “é unha vergonza”. “O que lle pedimos ao goberno que saia tras as eleccións xerais, da cor que sexa, é que se aplique a normativa comunitaria, porque a día de hoxe non está implementada a normativa, para evitar que se volva producir un novo accidente como o do Alvia”, subliñou.

Ana Miranda explica que o plan de acción lexislativo que debe executar o novo goberno central pode ser levado a cabo mediante unha lei ou mediante decreto. “Tendo en conta que o venres pasado foi a última posibilidade de aprobar un decreto, podemos confirmar que o goberno actual non fixo nada pola seguridade ferroviaria para evitar un accidente como o do Alvia”, criticou. “Hai que seguir presionando para que o goberno actual ou o que saia das eleccións implemente un plan en control de seguridade ferroviaria porque a día de hoxe o Estado español incumpre a normativa comunitaria”, considerou. “Estamos a cola de Europa neste tema”, engadiu.

A eurodeputada do BNG avanzou, por outro lado, que a vindeira semana terá unha reunión coa Comisaria de Transporte, Violeta Bulc, a quen lle pedirá que antes do fin do seu mandato -no mes de novembro-, tome unha decisión definitiva sobre este caso. Precisamente Miranda comparou a actuación da Comisaria, de quen salientou a súa implicación e sensibilidade coas vítimas “con total independencia e profesionalidade” e coa que mantivo reunións periódicas, co acontecido na Comisión do Alvia do Congreso español”, onde nin puido asistir como ouvinte.

Neste sentido lembrou que o BNG reclama as responsabilidades políticas de quen ostentaba cargos públicos no momento do accidente e no período inmediatamente posterior, tanto respecto ao exministro Blanco, -quen atacou a Miranda na súa comparecencia na Comisión- como a exministra Pastor.