Portavoces de plataformas medioambientais expoñen en Bruxelas os problemas do saneamento da auga en Galiza

A eurodeputada do Bloque Ana Miranda organiza este xoves unha conferencia sobre o acceso á auga como dereito e a aplicación da normativa europea

Bruxelas, 19 de marzo de 2019 – Representantes de diversas plataformas galegas, como Ríos Limpos, Auga Limpa xa!; Salvemos o Támega; Pladever, Contra a Ampliación da EDAR dos Praceres; en Defensa da Ría de Vigo CIES; e Polo saneamento integral da Ria do Burgo, así como representantes locais, participarán este xoves, 21 de marzo, na conferencia organizada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda “O acceso á auga como dereito”, na que se analizará o cumprimento da normativa europea e a execución dos fondos europeos.

“Para o BNG a acceso á auga e o seu saneamento conforma un dos dereitos fundamentais e desde esta perspectiva levamos anos traballando”, explica Ana Miranda, quen considera que esta xornada dará continuidade á sesión da Comisión de Peticións -da que é titular- do pasado 21 de xaneiro na que se defendeu a pertinencia de seguir tratando os problemas que persisten na ría de Vigo e, sobre todo, na ría do Burgo.

A eurodeputada galega subliña que é fundamental “dar voz a diversos colectivos preocupados e afectados pola situación da auga en Galiza”, tanto no que se refire ás rías, os ríos e o saneamento no eido urbano e os problemas relacionados coa execución de fondos para a construción das EDAR. “Impulsar o saneamento da auga é un elemento fundamental para o coidado do medio ambiente, pero tamén debemos ser conscientes de que tamén resulta vital para o desenvolvemento de boa parte das actividades produtivas do noso país”, afirma.

Perspectiva europea

Ademais dos problemas específicos de Galiza, a conferencia abordará asemade o dereito á auga desde unha perspectiva europea. Así, contará coas intervencións de Pablo Sánchez Centellas, da Iniciativa Cidadá Europea polo dereito a auga (European Public Service Union), Veronica Mandredi, Directora para a calidade de vida (da Dirección Xeral Medio Ambiente da Comisión Europea, DX ENVI); Peter Brotherton, de Living Rivers Coallition; Peter Gammelthof, Consultor experto en auga, ex director da Dirección Xeral ENVI; e Ruth Pérez, da Fundación da Nova Cultura da Auga.

“Ao remate da conferencia teremos unha ampla visión no só do que acontece en Galiza, cunha análise pormenorizada dos problemas locais, senón tamén de cales son os criterios polos que se rexe a Comisión Europea á hora de elaborar as directivas”, sinalou Ana Miranda. Precisamente durante o 2018 a Comisión Europea iniciou a revisión da Directiva de Auga Potable (Drinking Water Directive, DWD) tendo en conta, por primeira vez, as demandas da Iniciativa Cidadá Europea polo Dereito Humán á Auga (ECI, Right2water), dereito recoñecido por Nacións Unidas.

Programa xornada auga